A Xunta confirma que renuncia ao Padroado de Sargadelos trala incorporación de Eva Cárdenas

O Goberno galego retírase do organismo, ao que accedeu en outubro, para "evitar susceptibilidades" e "unha vez coñecida" a fichaxe polo grupo da executiva e parella de Feijóo

Presentación do museo de Sargadelos, coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. AXM

A Xunta de Galicia confirmou este venres que se retira do Padroado da Fundación Sargadelos despois de que o grupo empresarial fichase como asesora externa a Eva Cárdenas, exdirectora de Zara Home e parella do presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, tal e como adiantou o Xornal da Mariña. A executiva do téxtil está á fronte do proxecto empresarial do conselleiro delegado, Segismundo García.

A Consellería de Educación confirmara o pasado 26 de outubro que pasaba a formar parte do Padroado da Fundación Sargadelos, organismo que integran a empresa, o Concello e persoeiros da cultura e da economía de Galicia. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, uníase ao mesmo a título individual mentres que o propio conselleiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, representaba ao Goberno galego nesta institución.

Tratábase, segundo Rodríguez, “dunha oportunidade fantástica para poñer en valor, impulsar e promocionar a innegable transcendencia e importancia que ten Sargadelos no seu conxunto na cultura galega. O obxectivo desta acción é impulsar a marca Sargadelos como gran referencia cultural de Galicia, un nome que conta ademais cun gran simbolismo de representación do país, cun papel preponderante durante o século XX, e para o conxunto da cidadanía”, afondaba.

Finalmente, e para “evitar posibles susceptibilidades” que poidese supoñer a incorporación de Cárdenas ao grupo empresarial, o Goberno autonómico renuncia a formar parte do Padroado, unha decisión que tomou “de mutuo acordo” coa Fundación e “unha vez coñecida” a fichaxe da executiva do téxtil por Sargadelos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here